Páxinas

sábado, 16 de maio de 2015

A ANPA FONTE DA REVOLTA DENUNCIA O ABANDONO DO CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA


A Asociación de Nais e Pais “Fonte da Revolta” denuncia a despreocupación da Xunta de Galicia por resolver as necesidades da comunidade escolar do CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo), en relación ás seguintes cuestións:
  • Apertura dunha nova unidade de Infantil, dada a masificación que hai nas dúas aulas existentes.
  • Dotación dun mestre especialista en Audición e Linguaxe (AL) con dedicación completa, por non seren atendidos todos os nenos e nenas que o precisan.
O pasado 12 de maio, un numeroso grupo de nais e pais do CEIP Ana María Diéguez respondeu á convocatoria realizada pola ANPA Fonte da Revolta, que os reunía para informalos das xestións realizadas ante a Inspección Educativa para ampliar unha aula de Infantil e contar cun especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo. A directiva da ANPA comunicoulles que o día 10 de abril se reuniu na Xunta de Galicia coa Inspección Educativa para presentarlle as citadas necesidades e que estas non foron atendidas satisfactoriamente. A Inspección Educativa xustificou a súa negativa apelando só a unha razón económica e mesmo se escusou na existencia no centro de profesorado que, a pesar de non estar formado para as situacións requiridas, podería atendelas. Non obstante, ante a insistencia dos membros da ANPA, a Inspección Educativa ofreceuse a acudir ao centro escolar a finais de abril para coñecer de preto a problemática.




Como a día de hoxe non se realizou esa visita e desde a Inspección Educativa non se deu resposta a ningún dos escritos de petición da ANPA, na xuntanza do 12 de maio acordouse facer públicas as carencias denunciadas e levar a cabo unha serie de iniciativas para que se resolvan dunha vez por todas. Os pais e nais consideran que se trata de carencias que minguan con notoriedade a atención e calidade educativa non só do alumnado directamente afectado, senón de todo o alumnado do CEIP Ana María Diéguez.

A lexislación vixente en Galicia sobre Educación Infantil establece que cando se agrupen nenos e nenas de distintos niveis, o número máximo de alumnado por aula é de 20. O CEIP Ana María Diéguez conta na actualidade con dúas unidades de Educación Infantil e unha delas acolle a máis de 20 discentes, que pertencen a dous niveis diferentes. No vindeiro curso, dada a negativa a abrir unha nova unidade, as dúas aulas de Infantil reunirán entre 20 e 25 nenos e nenas de distintas idades. Polo dito, no centro educativo de Asados estase a incumprir dun xeito reiterado a normativa, pois as súas aulas de Infantil superan o número de alumnado establecido pola lei. É este un problema que pode empeorar aínda máis, debido a que este centro está a experimentar nos últimos anos un incremento constante de matrícula.

Outro tema de fonda preocupación para esta comunidade escolar radica no abandono que está a padecer o alumnado que precisa a atención de persoal especializado en Audición e Linguaxe. O CEIP Ana María Diéguez conta cun mestre especialista compartido a tempo parcial co CEP Brea Segade de Taragoña. Este mestre presta os seus servizos durante 11 horas lectivas á semana no centro asadense, un tempo que non cobre un terzo das necesidades de apoio xa recoñecidas. Esta lamentable situación vese agravada polo feito de que non se están efectuando máis valoracións entre o alumnado susceptible de ser atendido, por non existir a posibilidade de se abordaren novos casos. Non é este un asunto menor, xa que, de non se trataren as eivas ou dificultades do alumnado afectado, verase prexudicado o seu desenvolvemento educativo e mesmo social.

Os pais e nais do CEIP Ana María Diéguez mostráronse desconformes e molestos porque as súas peticións foron ignoradas por unha Inspección que non visitou o centro para reunirse cos representantes da ANPA nin está a cumprir co que a lei estipula, polo que se senten infravalorados e estiman que están a recibir un trato discriminatorio. Senten que os seus fillos e fillas son vistos como unha “simple mercadoría” e que non se atenden as súas necesidades educativas básicas por razóns estritamente económicas. A indignación destes pais e nais crece aínda máis ao observar como a Xunta de Galicia non ten recursos para dotar a escola pública dos medios humanos e materiais precisos para alcanzar un ensino de calidade, pero, pola contra, gasta miles e miles de euros para realizar as probas de avaliación de Primaria da LOMCE que, a día de hoxe, aínda non soubo explicar cal é a súa utilidade.

Ante esta situación, os pais e nais do CEIP Ana María Diéguez están decididos a non afrouxar no seu empeño, pois non queren que os seus fillos e fillas sexan tratados como “escolares de segunda”, senón que ansían que sexan formados nun sistema educativo público e de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario