luns, 15 de xuño de 2015

Visita ó Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

 



sábado, 13 de xuño de 2015


Preparados para a Romaría!!!

Hai obradoiros, actuais dos nenos, xantar, música e .....

¡¡ROCÓDROMO!!


sábado, 16 de maio de 2015

As reinvindicacións das nais e pais do CEIP Ana María Diéguez teñen eco na prensa


Enlaces ós medios onde se ten publicado información sobre as nosas reinvindicacións.

Diario de Arousa (día 15 de maio): Los padres del CEIP de Asados reclaman la tercera aula de infantil y un profesor de AL




La Voz de Galicia (día 16 de maio): A ANPA do colexio de Asados esixe á Xunta unha nova aula de infantil

Agardamos que máis medios fagan pública á nosa nota!

A ANPA FONTE DA REVOLTA DENUNCIA O ABANDONO DO CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA


A Asociación de Nais e Pais “Fonte da Revolta” denuncia a despreocupación da Xunta de Galicia por resolver as necesidades da comunidade escolar do CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo), en relación ás seguintes cuestións:
  • Apertura dunha nova unidade de Infantil, dada a masificación que hai nas dúas aulas existentes.
  • Dotación dun mestre especialista en Audición e Linguaxe (AL) con dedicación completa, por non seren atendidos todos os nenos e nenas que o precisan.
O pasado 12 de maio, un numeroso grupo de nais e pais do CEIP Ana María Diéguez respondeu á convocatoria realizada pola ANPA Fonte da Revolta, que os reunía para informalos das xestións realizadas ante a Inspección Educativa para ampliar unha aula de Infantil e contar cun especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo. A directiva da ANPA comunicoulles que o día 10 de abril se reuniu na Xunta de Galicia coa Inspección Educativa para presentarlle as citadas necesidades e que estas non foron atendidas satisfactoriamente. A Inspección Educativa xustificou a súa negativa apelando só a unha razón económica e mesmo se escusou na existencia no centro de profesorado que, a pesar de non estar formado para as situacións requiridas, podería atendelas. Non obstante, ante a insistencia dos membros da ANPA, a Inspección Educativa ofreceuse a acudir ao centro escolar a finais de abril para coñecer de preto a problemática.




Como a día de hoxe non se realizou esa visita e desde a Inspección Educativa non se deu resposta a ningún dos escritos de petición da ANPA, na xuntanza do 12 de maio acordouse facer públicas as carencias denunciadas e levar a cabo unha serie de iniciativas para que se resolvan dunha vez por todas. Os pais e nais consideran que se trata de carencias que minguan con notoriedade a atención e calidade educativa non só do alumnado directamente afectado, senón de todo o alumnado do CEIP Ana María Diéguez.

A lexislación vixente en Galicia sobre Educación Infantil establece que cando se agrupen nenos e nenas de distintos niveis, o número máximo de alumnado por aula é de 20. O CEIP Ana María Diéguez conta na actualidade con dúas unidades de Educación Infantil e unha delas acolle a máis de 20 discentes, que pertencen a dous niveis diferentes. No vindeiro curso, dada a negativa a abrir unha nova unidade, as dúas aulas de Infantil reunirán entre 20 e 25 nenos e nenas de distintas idades. Polo dito, no centro educativo de Asados estase a incumprir dun xeito reiterado a normativa, pois as súas aulas de Infantil superan o número de alumnado establecido pola lei. É este un problema que pode empeorar aínda máis, debido a que este centro está a experimentar nos últimos anos un incremento constante de matrícula.

Outro tema de fonda preocupación para esta comunidade escolar radica no abandono que está a padecer o alumnado que precisa a atención de persoal especializado en Audición e Linguaxe. O CEIP Ana María Diéguez conta cun mestre especialista compartido a tempo parcial co CEP Brea Segade de Taragoña. Este mestre presta os seus servizos durante 11 horas lectivas á semana no centro asadense, un tempo que non cobre un terzo das necesidades de apoio xa recoñecidas. Esta lamentable situación vese agravada polo feito de que non se están efectuando máis valoracións entre o alumnado susceptible de ser atendido, por non existir a posibilidade de se abordaren novos casos. Non é este un asunto menor, xa que, de non se trataren as eivas ou dificultades do alumnado afectado, verase prexudicado o seu desenvolvemento educativo e mesmo social.

Os pais e nais do CEIP Ana María Diéguez mostráronse desconformes e molestos porque as súas peticións foron ignoradas por unha Inspección que non visitou o centro para reunirse cos representantes da ANPA nin está a cumprir co que a lei estipula, polo que se senten infravalorados e estiman que están a recibir un trato discriminatorio. Senten que os seus fillos e fillas son vistos como unha “simple mercadoría” e que non se atenden as súas necesidades educativas básicas por razóns estritamente económicas. A indignación destes pais e nais crece aínda máis ao observar como a Xunta de Galicia non ten recursos para dotar a escola pública dos medios humanos e materiais precisos para alcanzar un ensino de calidade, pero, pola contra, gasta miles e miles de euros para realizar as probas de avaliación de Primaria da LOMCE que, a día de hoxe, aínda non soubo explicar cal é a súa utilidade.

Ante esta situación, os pais e nais do CEIP Ana María Diéguez están decididos a non afrouxar no seu empeño, pois non queren que os seus fillos e fillas sexan tratados como “escolares de segunda”, senón que ansían que sexan formados nun sistema educativo público e de calidade.

luns, 11 de maio de 2015

Asamblea xeral extraordinaria 12 de maio de 2015


Recordade que mañá hai asamblea extraordinaria para tratar temas que nos afectan a todos. Agregamos a convocatoria coa orde do día.



xoves, 11 de decembro de 2014

Comunicación OUTONO CULTURAL 2014


Copiamos aquí a comunicación da Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo sobre as propostas do OUTONO CULTURAL 2014.
Animámosvos a que participedes nelas.


Venres 12 de decembro
  • 19.00 h - Auditorio de Rianxo
  • PRESENTACIÓN TEMPO DE ACIVROS, TEMPO DE LIBROS: A GUÍA DE LECTURAS 
A presentación da guía de lectura "Tempo de acivros Tempo de libros".  Na creación e na presentación colaboran todos os centros escolares de Rianxo e a Biblioteca Municipal de Rianxo. O C.E.I.P. A.D.R. Castelao de Rianxo, o C.E.I.P. Ana Mª Diéguez de Asados, o C.E.P. Brea Segade de Taragoña, o I.E.S Félix Muriel de Rianxo, o C.R.A. de Rianxo e a Biblioteca Municipal de Rianxo
  • 20.00 h - Sala de exposicións do Auditorio de Rianxo
  • APERTURA DA EXPOSICIÓN A ÚNICA DEFENSA QUE PERMITIU A LIBERDADE DE PAOLA GARCÍA PAZ
A única defensa que permitiu a liberdade é o título da exposición dos óleos de Paola García Paz que poderá visitarse no Auditorio de Rianxo do 12 de decembro ao 17 de xaneiro. Como documento anexo o convite.
  • 20.30 h - Auditorio de Rianxo
  • HOMENAXE Ó ESCRITOR RAMÓN DE VALENZUELA
Un acto de homenaxe ó escritor Ramón de Valenzuela no centenario do seu nacemento. No acto intervirán: Adolfo Muíños, Daniel Pino, Xosé Luís Axeitos, Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís Cochón.

Sábado 13 de novembro

  • 12.30 h -  Auditorio de Rianxo
  • ENTREGA DOS PREMIOS BARBANTIA DA CULTURA 2014
Entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2014. Ademais tamén se fará a presentación da saída do número 100 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e do Anuario de Estudos do Barbanza 2014.
O acto contará coa asistencia de María Xosé Blanco, vogal da asociación; Manuel Cartea, coordinador do anuario; Xesús Laíño, presidente de Barbantia; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña. Como documento anexo envíase o convite do acto.
  • 20.00 h - Auditorio de Rianxo
  • FESTIVAL NADAL ALEIVOSÍA DA ASOCIACIÓN FOGO FATUO
O Festival de Nadal Aleivosía da Asociación Sociocultural Fogo Fatuo, ademais da participación da agrupación Aleivosía estarán a Asociación O Pedrón de Padrón.
As entradas poderán retirarse media hora antes do comezo do festival

Máis información arredor das propostas no sitio web do concello 

A Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística tamén está nas redes sociais, así que tamén podedes estar ó tanto das novas no seguinte perfil de facebook https://www.facebook.com/rianxocultura

xoves, 4 de decembro de 2014

 Campaña de esquí 2015


Hoxe o concello xa publicou as prazas que lle foron adxudicadas para a campaña de esquí 2015.
Mais información en:
Prazas concedidas ó concello de Rianxo da Campaña de esqui 2015